O San Froilán acolle Xisco Sinfónico, o novo e ambicioso proxecto do cantante de música tradicional Xisco Feijóo: unha creación contemporánea de raíz onde a súa voz e a linguaxe da tradición dialogan cun orgánico sinfónico deseñado especialmente para a ocasión. O repertorio inclúe música inédita composta para este espectáculo e temas do seu disco Peixe, adaptados a esta nova arquitectura sonora.
Nesta cita do San Froilán conflúen dous talentos da nosa cultura —Xisco Feijóo e o compositor Juan Eiras— nun mesmo espazo de escrita e interpretación. A orquestración de Eiras abre un corpo harmónico e tímbrico amplo de estética neoclásica, proxectando a música tradicional galega cara a un horizonte de alcance universal sen perder a súa esencia de raíz.
O espectáculo articula o encontro entre a terra —voz, gaita, acordeón e percusións tradicionais— e o universo sinfónico dunha orquestra de cordas, nun diálogo estrutural e expresivo único. Unha proposta singular no marco das festas grandes de Lugo que expande as fronteiras da nosa música.