Xisco Sinfónico é o novo proxecto do cantante de música tradicional Xisco Feijóo: unha creación contemporánea de raíz, na que a súa voz e a linguaxe da tradición dialogan cun orgánico sinfónico deseñado para esta ocasión. O repertorio inclúe música inédita composta especificamente para o proxecto e incorpora tamén temas de Peixe, adaptados a esta nova arquitectura sonora.
Nesta ocasión conflúen dous talentos galegos —Xisco Feijóo e Juan Eiras— nun mesmo espazo de escrita e interpretación. A orquestración de Eiras abre un corpo harmónico e tímbrico amplo, que remite ás sonoridades de estética neoclásica, proxectando o repertorio de tradición galega cara a un horizonte estético de alcance universal, sen borrar por iso a súa identidade de raíz.